domingo, 8 de abril de 2018

A praia dos afogados

O inspector de policía vigués Leo Caldas recibe unha chamada onde o avisan da aparición na praia de Madorra, en Panxón, dun cadáver, aparentemente afogado. Crese que é un suicidio, e o inspector non lle dá moita importancia, ata que na autopsia se comproba que o xeito en que ten colocada a brida que lle ata as mans apunta a un asasinato.

Pouco a pouco vaise descubrindo que a súa morte está relacionada co naufraxio do pesqueiro Xurelo, acontecido 12 anos atrás. O barco tripulábano o falecido, Xusto Castelo, O Rubio, xunto con outros dous mariñeiros e mailo patrón. O barco foi a pique preto da illa de Sálvora, unha noite de temporal, e de xeito un pouco estraño. No naufraxio falecera o capitán, mentres que os tres mariñeiros sobreviventes, dos cales dous viven aínda en Panxón, non manteñen relación entre si e gardan un fondo silencio sobre o sucedido.

Ao longo do libro vanse atopando outras pistas que confirman que non foi un suicidio: a chalupa do falecido aparece ao outro lado de Monteferro, lonxe do cadáver; o morto ten un golpe na caluga posiblemente feito á mantenta; e mesmo gravacións dunha cámara de seguridade. Malia á reticencia dos mariñeiros locais para falar do acontecido, Leo Caldas tira dun fío que o leva á desaparición dunha muller en Aguiño a mesma noite do afundimento.Paralelamente, Leo Caldas segue co seu programa de radio Patrulla nas ondas; tamén ten un papel importante, mesmo na resolución da trama, o seu pai, que está a coidar do seu irmán Alberte, gravemente enfermo no Hospital Xeral de Vigo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario